Tuesday 21 de May de 2024

O 14 de febreiro presume do teu concello participando nas actividades do programa “Carballo levámolo dentro”


O mercado municipal, a Biblioteca Rego da Balsa e o Pazo da Cultura serán os escenarios dunha xornada de orgullo carballés

O 14 de febreiro de 2019 naceu “eu quero a Carballo”, unha iniciativa transversal que implica a todas as áreas do goberno municipal no obxectivo de trasladar unha imaxe en positivo do noso concello, promovendo prácticas cívicas que contribúen a mellorar o noso territorio e fomentando o orgullo de ser de Carballo e de vivir aquí.

Por quinto ano consecutivo aproveitamos o Día do Amor para lanzar novas iniciativas ligadas a esa idea, que tan ben acollida foi (e segue sendo) entre a poboación. Pero nesta ocasión o famoso “eu quero a Carballo” convivirá cunha nova marca: “Carballo levámolo dentro”.

Con este novo lema puxemos en marcha o 2 de febreiro, día da Candeloria, unha serie de iniciativas que acadarán o seu cumio o martes 14, día do amor. Será unha xornada completa, pero se contamos coa vosa colaboración e participación tamén pode ser redonda.

Isto é o que temos preparado:
• Ás 08.00 horas publicaremos nas redes sociais do Concello de Carballo o primeiro dos dous vídeos que estrearemos nesta xornada, no que participan veciños e veciñas de todas as parroquias.

• Dende a apertura do mercado municipal, os praceiros e as praceiras recibiranvos cun agasallo. Ata fin de existencias, as compras que realicedes durante a xornada seranvos entregadas nunha bolsa de rafia reutilizable co logo da campaña. Con esta iniciativa pretendemos, por unha banda, simbolizar que levar Carballo dentro tamén significa comprar en Carballo, é dicir, apostar polo comercio local. Ao mesmo tempo seguimos impulsando accións que contribúan a revitalizar a praza de abastos, e, por último, axudamos ao medio ambiente ao optar por bolsas reutilizables.

• Ás 19.00 horas presentaremos o segundo vídeo, nun acto aberto que se celebrará na Biblioteca Rego da Balsa, e no que participarán os protagonistas da gravación: a enxeñeira informática, profesora e investigadora da UDC Verónica Bolón, o xornalista Manuel Rey, a futbolista María Varela Bardanca, os arquitectos Diego Díaz e Gustavo Figueira e a cociñeira Rocío Martínez. A única que non poderá asistir é a futbolista Elena Vázquez porque a esa hora estará adestrando coa Selección Galega en Padrón. Achégate!

• Por último, para as 20.00 horas encheremos de música de verbena o auditorio do Pazo da Cultura, nunha gala organizada polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo na que poderemos escoitar á Big Band e a nove voces pola paz e o amor: Sito Sedes, cantante histórico de Los Satélites; Noli e Alejandra Pais, vocalistas actuais de Los Satélites; Martín Carrión e María Jesús, ex compoñentes da orquestra Trébol; Jennifer Cambón, finalista de Recantos Luar, e os/as alumnos/as do CMUS Martín e Aroa Ordóñez e Samuel Quiroga. A entrada será libre e de balde ata completar capacidade.

E ademais ata o día 14 podes seguir contándonos por que levas Carballo dentro enviándonos a explicación e unha foto ou un vídeo por whastapp ao 604 072 887 para que o publiquemos nas nosas redes sociais.